25 de Xuño de 2024

Desde o 1 xullo os ascensores que non pasasen as revisións regulamentarias poderían ser clausurados

Segundo a nova normativa de seguridade denominada ITC AEM 1

Os administradores de inmobles colexiados pomos sobre aviso ás comunidades de propietarios con ascensores no seu edificio que non pasasen as revisións regulamentarias. A nova normativa de seguridade denominada ITC AEM 1 publicada en abril obrigará a clausurar o vindeiro luns  1 de xullo todos os elevadores que non teñan os papeis en regra se acusan unha incidencia.

Tamén lembramos que non informar o estado dos aparellos á administración competente podería levar multas de ata 60.000 euros, no caso das leves, e 100.000.000 nas graves.

A nova regulación tamén establece as responsabilidades das empresas de mantemento e os titulares dos ascensores, que son as comunidades de propietarios.

Estas son as novidades que se establecen:

 

  • Nivelación adecuada, seguridade e accesibilidade. Débese garantir unha parada precisa a nivel do chan para evitar tropezos ou caídas.
  • Protección do usuario contra o peche de portas. É preciso instalar sensores que non só detecten obstrucións puntuais, senón que ofrezan unha protección completa ao usuario.
  • Protección do usuario contra movementos incontrolados da cabina: Tanto en repouso coas portas abertas como durante o movemento ascendente, débese asegurar que a cabina non presente cimbreos ou bamboleos perigosos.
  • Comunicación bidireccional e rescate de usuarios atrapados: Débese mellorar a asistencia aos usuarios na cabina en caso de emerxencia.
  • Substitución das guías: Débense substituír as antigas guías de madeira, cilíndricas ou de riel por opcións máis seguras e duradeiras.
  • Prevención de sobrecarga en cabina: Débese instalar un pesacargas con sinal acústico e visual.
  • Contrapesos: Débese modificar a localización dos contrapesos para asegurar o correcto equilibrio e funcionamento do sistema.

Os AF colexiados calculamos que o custo medio de pór ao día un elevador para adaptarse á normativa está entre os 1.000 e os 8.000 euros, en función das modificacións requiridas. Así mesmo sinalamos que as comunidades de propietarios xestionadas por colexiados teñen as revisións automatizadas, polo que non van ter ningún problema deste tipo. “Os ascensores que pasasen a revisión non teñen que facelo ata dentro doutros  4 anos”.