10 de Novembro de 2023

O Colexio Oficial de Administradores de Inmobles de Galicia - COAFGA - ve problemas xurídicos no veto ás vivendas turísticas

Lembra que a Lei de Propiedade Horizontal non contempla a prohibición, senón a limitación, cunha maioría de 3/5

O Colexio Oficial de Administradores de Inmobles de Galicia, un colectivo que suma máis de 600 profesionais, ve problemas xurídicos no veto das comunidades de propietarios ás vivendas de uso turístico.

A expansión deste tipo de aluguer na nosa Comunidade Autónoma, suscita moitas preocupacións tanto nas comunidades de propietarios como entre os propietarios interesados en destinar a súa vivenda a estes usos.

Desde o COAFGA queren aclarar que a Lei de Propiedade Horizontal non contempla a prohibición, senón a súa limitación para o que será necesaria unha maioría de 3/5 na súa dobre maioría tal e como se recolle na súa art.17.12.

Cabe lembrar que as comunidades tampouco poden tomar esas decisións con carácter retroactivo nin vincular a futuros compradores de vivendas, se non se inscribe no rexistro da propiedade o acordo tomado.

Unha vez feito, iso si, poderíase acordar o incremento da cota ordinaria dos propietarios que aluguen a súa vivenda como turística nun 20%.

 

O asesoramento previo é fundamental

Desde a corporación lembran que os propietarios que desexen alugar a súa vivenda para  uso turístico deberán cumprir con toda a legalidade autonómica e municipal, que varía dependendo do concello. De aí a importancia de asesorarse previamente cun profesional colexiado, para asegurarse de cales son as condicións de cada caso en concreto.

A falta de unificación de criterios, contribúe a crear un clima de inseguridade xurídica que só complica máis se cabe as relacións entre propietarios

 

Fotografía: O Liberal