14 de Xullo de 2023

Convenio con Nedgia Galicia para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios de vivendas

Ofrecerase a realización de estudos previos para a transformación a gas natural de instalacións que utilicen outro combustible

O Colexio de Administradores de Inmobles de Galicia e Nedgia Galicia subscribiron un convenio de colaboración para mellorar a eficiencia enerxética das comunidades de propietarios xestionadas polos máis de 600 colexiados adscritos á corporación.

En virtude deste acordo, subscrito o venres 7 de xullo na sede da corporación na Coruña polo presidente do COAFGA, Martín Bermúdez da Ponte, e Roberto Cámara, apoderado de Nedgia Galicia, SA, a compañía distribuidora de gas natural tratará de mellorar a eficiencia enerxética dos edificios residenciais xestionados por asociados, contribuíndo á súa optimización enerxética e ambiental.

Así mesmo, ambas as entidades emprázanse a través do presente convenio a colaborar en actividades tendentes a un mellor desenvolvemento enerxético sustentable a través de xornadas técnicas, estudos e asesoramento profesional.

Nedgia Galicia tamén ofrecerá de forma gratuíta aos administradores de inmobles colexiados a realización de estudos previos para a transformación a gas natural de instalacións que utilicen outro combustible; asesoramento técnico e supervisión de obra. Así mesmo, asesorará sobre o reformulación de instalacións receptoras e ofrecerá  información sobre diferentes usos de gas natural e novas aplicacións de moi alta eficiencia.

O convenio tamén inclúe a celebración de cantas reunións sexan necesarias cos colexiados para explicar todas as posibilidades que ofrece o uso do gas natural para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións en edificios residenciais, así como o desenvolvemento de xornadas técnicas informativas e de divulgación.