Como se poden reclamar os danos ocasionados por Herminia
![Notificar os sinistros nun prazo máximo de sete días](/sites/default/files/img/articulo/2025-01/captura-de-pantalla-2025-01-27-a-las-11.55.11.png)
Tras os recentes episodios de fortes ventos e inundacións derivados da borrasca Herminia que está a afectar a Galicia, o Colexio Oficial de Administradores de Inmobles de Galicia (COAFGA) lembra ás comunidades de propietarios os pasos a seguir para xestionar as reclamacións de danos ante as aseguradoras.
En liña coa normativa vixente, o COAFGA subliña a importancia de notificar os sinistros nun prazo máximo de sete días desde que se tivo coñecemento dos danos, salvo que as pólizas contemplen un período de notificación máis amplo, tal como establece a Lei 50/1980, de 8 de outubro, de Contrato de Seguro.
Probas documentais
Ademais, ínstase as comunidades afectadas a reunir probas documentais que apoien as súas reclamacións, como fotografías dos danos, facturas de reparacións, copias da póliza de seguro e calquera outra evidencia que poida ser relevante.
Por outra banda, o Consorcio de Compensación de Seguros tamén pode intervir cando os danos foron causados por fenómenos extraordinarios, como ventos superiores a 120 quilómetros por hora, inundacións extraordinarias ou treboadas ciclónicas atípicas.
Este organismo público ten capacidade para indemnizar aos afectados nestes casos, sempre que as pólizas inclúan coberturas específicas, como danos por incendio, rotura de cristais, equipos electrónicos ou maquinaria.
Desde o COAFGA lembran que os administradores de leiras colexiados están capacitados para mediar e xestionar estas reclamacións, facilitando unha resolución áxil e efectiva para as comunidades de propietarios.
Imaxe: Ideal Gallego