29 de Novembro de 2022

Boom de reformas nos pisos, máis ruídos nas comunidades de veciños

No noso país a normativa que establece os niveis de ruídos máximos nas comunidades de propietarios réxese polo Código Técnico da Edificación

O Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia  - COAFGA - alerta de que se está incrementando o malestar nas comunidades de propietarios por mor dos ruídos provocados polas obras de rehabilitación que se están acometendo en moitos pisos.

 

As axudas existentes, o incremento do prezo da vivenda nova e a dificultade para embarcarse nunha hipoteca debido á subida do euribor, está a provocar un boom das reformas en vivendas antigas que, en moitos casos, vén acompañado polo  aumento do malestar nas comunidades de propietarios.

 

Ruídos intempestivos, cheiros molestos, incremento da sucidade, zonas comúns ocupadas por material de obra, sobrecarga de ascensores…son algúns dos problemas que denuncian propietarios ao presidente e ao Administrador de Fincas.

 

Desde o COAFGA aclaran que, aínda que a maior parte das empresas de reformas respectan a normativa, en certos casos non a teñen en conta para apurar ao máximo a intervención e ocasionan molestias aos veciños, sobre todo a aqueles que pasan moito tempo nos seus domicilios como persoas maiores ou teletrabajadores que converteron a vivenda na súa oficina.

 

Tamén sinalan que, cando hai obras, non queda outro remedio que ser pacientes, aínda que hai que estar alerta ante determinados comportamentos abusivos que, en caso necesario, pódense denunciar ante o presidente da comunidade, aínda que sempre é necesario recorrer antes ao diálogo para tratar de chegar a un entendemento.

 

Desde o COAFGA suliñan que se debe pór en coñecemento do administrador de fincas colexiado certos comportamentos, como o feito de que os operarios coman ou fumen no portal ou en zonas comúns do edificio; a realización de traballos molestos nos rellanos da escaleira como puír ou cortar material de obra; a apertura de xanelas para deixar saír o po en suspensión porque podería entrar nas vivendas lindeiras  ou ruídos fóra da xornada laboral.

 

Ruídos, un problema común

No noso país a normativa que establece os niveis de ruídos máximos nas comunidades de propietarios réxese polo Código Técnico da Edificación, a Lei de Ordenación da Edificación, a Lei de Propiedade Horizontal, a Lei do Ruído e Decretos autonómicos ou Ordenanzas municipais de Protección do Medio Ambiente Urbano.

Segundo a lexislación europea, o nivel de recepción externo (nun uso dominante residencial) non pode superar os 55 decibeis de día e os 45 de noite. A partir dos 70 decibeis.

A maioría dos Concellos establece unha xornada de descanso durante a que non se poden facer ruídos por obras, sendo a máis frecuente a que vai entre as 8:30-9 horas e as 20-21 horas.

 

Ascensores

En canto aos ascensores: As empresas de reformas deben de cubrir a totalidade do elevador para non provocar danos nin a súa deterioración. Tampouco se poden sobrecargar con materiais con peso superior ao que establece o fabricante e – moito ollo- se non se traballa o fin de semana ou comeza un período de vacacións,  o ascensor debe quedar en perfectas condicións de uso, sen cartóns, forros nin material de protección e totalmente limpo.