04 de Febreiro de 2025

O COAFGA oponse á declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado

fincas

O Colexio Oficial de Administradores de Inmobles de Galicia (COAFGA) manifesta a súa oposición á posible declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado.

 

A corporación, que agrupa a máis de 600 profesionais en Galicia, considera que esta medida, lonxe de solucionar o problema de acceso á vivenda, podería provocar efectos adversos, como a redución da oferta de aluguer e un incremento dos prezos en municipios próximos.

 

Fracaso en Cataluña

Fontes colexiais sinalaron que, “o exemplo máis claro atopámolo en Cataluña, onde a aplicación de medidas similares resultou un fracaso absoluto”.

 

Neste caso, en lugar de mellorar o acceso á vivenda, a intervención no mercado do aluguer reduciu a oferta de inmobles: moitos propietarios optaron por retirar as súas vivendas do mercado debido á inseguridade xurídica ou á falta de rendibilidade. Esta medida, tamén provocou un aumento dos prezos en municipios limítrofes ao desprazar a demanda cara a poboacións próximas.

 

 

Máis seguridade xurídica

Desde o COAFGA sosteñen que a solución aos problemas de acceso á vivenda no Concello da Coruña non pasa por intervir os prezos, senón en fomentar a oferta, ofrecendo incentivos fiscais para os propietarios, facilitando a rehabilitación de vivendas baleiras e realizando políticas que promovan o aluguer a longo prazo con garantías xurídicas.

 

Os administradores de inmobles colexiados de Galicia tamén consideran que a incerteza regulatoria desincentiva a construción de nova vivenda en aluguer, o que agrava a escaseza a medio e longo prazo.

 

Por todas estas razóns, o COAFGA solicita ao Concello da Coruña que reconsidere esta medida e propoña solucións máis sustentables, evitando repetir políticas que o tempo demostrou que son prexudiciais para o mercado inmobiliario.