O colexio asina acordos de colaboración con Abanca e Bankinter
O Coafga asinou esta semana senllos acordos de colaboración con Abanca e Bankinter. En ambos os casos, preténdese mellorar o acceso ao crédito dos colexiados, o fomento da eficiencia enerxética e a sustentabilidade nas comunidades de propietarios administradas polos AF colexiados.
Abanca oferta de produtos e servizos financeiros para mellorar a competitividade do sector en Galicia, entre os que resaltan pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais e liñas de xestión de cobros. Tamén detalla unha serie de produtos específicos da entidade, entre os que destaca o Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar no pago dos servizos bancarios máis habituais do día a día do sector.
Outro dos puntos relevantes do acordo é a posibilidade de financiamento que ABANCA pon a disposición das comunidades de propietarios administradas polos colexiados. Trátase dun préstamo destinado ao financiamento de rehabilitacións, reformas e melloras da accesibilidade, pero tamén para a incorporación de medidas de eficiencia enerxética que permitan crear e manter comunidades máis sustentables.
Así mesmo, as comunidades de propietarios poderán optar a préstamos con condicións favorables e vantaxosas para a realización de reformas en edificios, como obras para reforzar a seguridade, mellorar a accesibilidade, modernizar e instalar ascensores, implementar instalacións que favorezan o aforro enerxético e illamento térmico ou manter instalacións comunitarias e reforzar ou cambiar fachadas e cubertas.
No caso de Bankinter, ofrécense tamén facilidades de financiamento aos colexiados e a realizar xornadas divulgativas amparadas pola entidade financeira.