Encontros cos colexiados de Santiago e Ourense para coñecer as súas necesidades
Seguimos percorrendo Galicia para coñecer as necesidades dos nosos colexiados. O pasado 15 de marzo reunímonos cos administradores de inmobles de Ourense e o 19 de abril desprazámonos a Santiago de Compostela para tomar a temperatura ao sector, presentar a nova directiva aos compañeiros e abordar os problemas que preocupan ás comunidades de propietarios e aos colexiados que as administran baixo o paraugas da corporación.
Foron reunións ilusionantes e produtivas nas que, ademais de estreitar lazos, puidemos abordar con serenidade e confianza os desafíos de futuro e albiscar as oportunidades que temos como profesionais colexiados.
É unha realidade preocupante a escaseza de empresas que poidan satisfacer a elevada demanda de obras de eficiencia enerxética, o incremento de Vivendas de Uso Turístico (VUT) , a Lei de Vivenda e, por suposto, a okupación, que desmotiva aos propietarios para pór as súas vivendas en aluguer.
Desde o Coafga estamos a estudar plans de mellora para poder abordar de forma positiva as diferentes frontes e, sobre todo, atender con solvencia, eficacia e garantías, as necesidades das comunidades de propietarios e as demandas dos nosos colexiados.