Alertamos de que moitos arrendadores poderían abandonar o mercado de aluguer
O Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA) considera que as actuacións sobre o mercado de aluguer, incluídas no RD-6/22 de 29 de marzo polo que se adoptan medidas urxentes no marco do plan nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, non van lograr o efecto pretendido.
O colectivo, formado por máis de 600 colexiados en Galicia, estima que a limitación da subida das rendas a un 2%, utilizando o Índice de Garantía de Competitividade, vai ter un efecto disuasorio e que moitos arrendadores van retirar os seus inmobles do mercado ou alugalos para vivenda vacacional.
Tamén afirman que a norma vai xerar inestabilidade e inseguridade xurídica no sector, de feito os despachos colexiados están a recibir un aluvión de consultas de propietarios que temen perder diñeiro con esta medida e lembran que o IPC de marzo situouse no 9,8%
O presidente do COAFGA, Martín Bermúdez da Ponte, sinala a este respecto que, “o Real Decreto vai provocar o efecto contrario ao pretendido porque moitos propietarios, seguramente centos, deixarán de alugar os seus pisos en breve e lembra que case o 90% dos arrendadores en Galicia son pequenos investidores.
O máximo responsable da corporación explica que, “en Galicia a vivenda sempre foi nun refuxio do aforro, pero esta lei volve penalizalo, discriminando ás persoas polo seu patrimonio, un erro que ademais mete no mesmo saco a todos”.
A este respecto lembra que, “aquí un gran tenedor pode ser un emigrante retornado que tiña unha parcelita rústica que se ha recalificado co paso dos anos, na que construíu un edificio de 10 vivendas que puxo en aluguer e iso é o que se penaliza”, alerta.
E é que a nova norma establece que os grandes tenedores (particulares ou empresas que posúan máis de 10 inmobles urbanos, ou unha superficie equivalente a 1.500 metros cadrados, excluíndo garaxes e trasteiros) non poden incrementar os alugueres máis dun 2%, tanto se hai pacto entre as partes ou non.
No caso de que o arrendador non sexa un gran tenedor, o incremento pode ser pactado entre as partes e, só no caso de non chegar a acordo, o incremento da renda non poderá exceder do resultado de aplicar a variación anual do Índice de Garantía de Competitividade a data da devandita actualización. (Dita limitación será de obrigado cumprimento para os contratos pactados entre abril e xuño aos que corresponda aplicar o incremento de renda pactado).
Arrendadores arruinados
Desde o COAFGA sosteñen que, “o goberno lexislou para as grandes cidades e non tivo en conta poboacións como Lugo, Ourense ou Pontevedra, por pór algúns exemplos, nas que esa medida pode prexudicar moito aos arrendadores, mesmo levalos á ruína, pois a limitación proposta está pensada para rendas elevadas” e sinalan que, “a realidade é que os alugueres na maioría dos pobos e pequenas capitais de provincia de España son baixos”.
Tamén sinalan que, “no últimos tres anos o IPC foi negativo polo que os alugueres levan varios anos sen actualizarse e por tanto houbo unha perda de poder adquisitivo dos arrendadores que en España maioritariamente alugan con rendas baixas, sendo na súa maioría particulares, familias ou pequenas empresas que investiron o seu patrimonio en vivenda.
“Non se deben regular mercados libres nin establecer normas xenéricas para colectivos que poden incluír casuísticas moi diversas e menos nun asunto tan importante e de consecuencias tan serias como é a vivenda”, apostilan desde o COAFGA.